Novas

COMUNICADO DA XUNTA DIRECTIVA DE AGAMFEC SOBRE A SITUACIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA GALEGA

Ante a situación de progresivo deterioro e precariedade da Atención Primaria (AP) galega e as medidas preocupantes e, mesmo posiblemente ilegais, que veñen de tomar os nosos directivos, como é contratar médicos en formación para suplir deficiencias de plantilla, a xunta directiva da nosa sociedade quere facer as seguintes consideracións:

  • A situación de deterioro témola denunciado e comentado á consellería dende hai anos nos congresos e outras entrevistas ou contactos que temos feito. A falta de atención as nosas sinais de alarma derivou na situación insostible actual. A situación de cara ó futuro aínda será máis complicada pola falta de política de apoio á formación médica.

  • A nosa sociedade, xunto coas demais sociedades de primaria e os colexios médicos, fixemos propostas durante anos para tentar de solucionar a situación, mais a consellería non só non levou a cabo nada do aconsellado, perdéndose un tempo do que agora carecemos, senón que mesmo chegou a desconsideración cos médicos de familia.

  • Temos que repetir alto e claro o evidente: o gran problema da AP é a falta de finanzamento. (Que inclúe persoal, infraestructuras, falta de mantemento,proxectos, funxibles,... ) A pesar de repetilo, a nosa administración sempre negou esa evidencia (é un mantra, dicía o conselleiro). Tivo que acudir unha catedrática de economía da saúde á comisión parlamentaria para poñelo de novo sobre a mesa: A porcentaxe de gasto da AP en España é un paupérrimo 14% (cando os expertos defenden un 25%) e en Galicia estamos 2 puntos por debaixo: un 12%, e o peor é que, nestes anos da crise, aumentou o gasto hospitalario e diminuíu un 2% o de primaria.

  • O que si ven sendo unha mentira repetida é a “falta de médicos”. ¿Como explican os nosos directivos que cando se convoca unha OPE para 200 prazas veñan 800 candidatos? O que queremos os médicos, como todo o mundo civilizado, son contratos dignos e estables. Non, como dicía a economista, seguir coa política demenos gasto pero máis contratos. Iso só significa precariedade e contratos- basura.

  • A precariedade na AP foi moitas veces resolta por unha das características propias do noso nivel asistencial: a lonxitudinalidade. Podíamos atender sen medios óptimos os nosos doentes suplindo a precariedad polo coñocemento da súa biografía e historia clínica. A nefasta política de recursos humáns das nosas EOXIS (sempre preocupadas polos graves problemas hospitalarios) acabou porcrear “a tormenta perfecta” na que estamos metidos e algúns seguen mirando a ver se escampa...

  • Resulta desmoralizante escoitar ós nosos directivos as propostas para solucionar o colapso da AP. Pensan que todo se arranxa cun simple cambio nas axendas. A evolución da poboación, a cronicidade e o envellecemento ten que facer ver que non podemos seguir co discurso de 1500 doentes por médico. Isto é unha visión simplista. O que debemos é estudar a carga de morbilidade e poñelos recurso en función desta. ¿Para que, senón, temos a información/estratificación en IANUS? ¿Ou é para controlar a prescripción sen mais?

  • Na situación actual de falta de cobertura de vacantes e ausencias fai, ademais, que estos datos sexan falsos: se no meu centro faltan permanentemente 3 compañeiros, a miña cota non é de 1500, senón de 2000, moitos meses ó ano.

  • A lamentable situación dos PAC e da pediatría son unha mostra máis da inercia e a falta de planificación da organización sanitaria. Non é difícil de ver, coñecendo o mundo sanitario, a imposibilidade de manter os dispositivos, tal como se concebiron, nun futuro inmediato.

Estamos dispostos a colaborar sempre e cando haxa un compromiso explícito e asinado dun aumento da financiación da primaria. Estamos fartos de escoitar medidas e ocorrencias sen apoio presupuestario. Nos hospitais cando se fan programas de calquera tipo, sempre se acompaña de recursos humáns e económicos. Somos médicos de primaria, no de segunda e defendemos que non somos a porta do sistema. SOMOS O SISTEMA SANITARIO. Se non se comprende o noso papel central e garante da sostenibilidade, seguiremos cavando a fosa do sistema. Non estamos en tempos de comisións, estamos en tempo de decisións. Esperamos, que o tempo se esgota.

II CONCURSO DE POSTAIS DO NADAL

O Colexio Oficial de Médicos da Coruña organiza o II Concurso de Postais Do Nadal destinado a fillos e netos de colexiados e persoal da institución, co fin de ser a imaxe coa que se felicite a colexiados, provedores, e a todas aquelas persoas e institucións relacionadas co COMC.

DESTINATARIOS:

Poderán participar neste concurso todos os fillos e netos de médicos colexiados na provincia da Coruña e do persoal do COMC que teñan entre 4 e 12 anos.

MODALIDADE DOS TRABALLOS:

Motivo: os debuxos que se presenten deberán estar relacionados co Nadal.

Tamaño: A4

Técnica: A técnica e os materiais de libre elección polo participante.

PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS E DATA DE ENTREGA:

Cada participante só poderá presentar un traballo.

Todos os traballos terán que ir acompañados coa ficha de inscrición (pulsar aquí) ao concurso cumprimentada, que se adxunta a estas bases. Ademais, no reverso do traballo que se presente deberá figurar o título do debuxo e o pseudónimo do neno/a que o pintou.

A data límite para a recepción dos traballos será o 26 de novembro, antes das 19:00 h.

Os traballos deberán entregarse (en horario de apertura ao público) ou enviarse a unha das seguintes direccións:

REF: POSTAL NADAL

A CORUÑA
Avda. Salvador de Madariaga, 66 - entreplanta. 15008 - A Coruña

SANTIAGO DE COMPOSTELA
San Pedro de Mezonzo, 39 - baixo. 15701 - Santiago de Compostela

FERROL
Praza do Callao, 16/18 - 2º. 15403 - Ferrol

PREMIOS:

Os debuxos seleccionados como primeiro, segundo e terceiro premio recibirán un obsequio.

A postal gañadora do concurso será a felicitación do Nadal institucional que o Colexio Oficial de Médicos da Coruña enviará aos seus colaboradores, entidades, e institucións públicas e privadas.

XURADO:

O xurado calificador do certame está composto por diferentes membros da Xunta de Goberno.

Os premiados serán informados por vía telefónica. A entrega de premios terá lugar na Festa de Reyes do Colexio.

DRA. ROSA ARROYO, VICESECRETARIA DA OMC

A Dra. María Rosa Arroyo Castillo foi elixida Vicesecretaria da Organización Médica Colexial, primeira muller en formar parte da Comisión Permanente desta institución.