COMPROMISO, RESPONSABILIDADE E ESIXENCIA

O compromiso de todos os profesionais da saúde co seu traballo foi total ao longo desta pandemia e ségueo sendo. No caso dos médicos, este compromiso transcendeu á atención prestada aos seus pacientes. Sendo referentes para a sociedade, teñen -e aceptan- unha maior responsabilidade, que vai máis aló do esixible polas disposicións legais.

Nestes días está a producirse un rebrote moi importante de COVID-19 en Galicia, polo que haberemos de adoptar precaucións adicionais. O propio Colexio de Médicos da Coruña suspendeu, por prudencia e non por esixencia legal, o encontro social que normalmente celebra nestas datas do Nadal. Como é coñecido, algúns profesionais médicos, como os MIR do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), optaron, lexitimamente, por manter este tipo de encontros e foron duramente criticados por iso, a pesar de respectar escrupulosamente as normas de seguridade establecidas precisamente por quen lles afee a conduta pola devandita asistencia. Estes actos poderían evitarse, pero atopamos pouco prudente e moi inxusto que as autoridades acusen a estes profesionais de irresponsabilidade por este motivo.

Moi pouco prudente porque cumpriron coas normas legais que se lle esixe a calquera grupo de cidadáns, e porque con ese xuízo moral táchase de neglixentes e se predispone contra profesionais nun momento no que as actitudes violentas cara a nós, os médicos, constitúen un grave problema social. E moi inxusto, xa que os médicos, e en particular os máis novos, dedicaron todo o seu esforzo ao control da pandemia desde o minuto uno, traballando en condicións moi penosas sen apenas protección durante longos meses, polo que pagaron e aínda están a pagar unha elevada peaxe en enfermidade e sufrimento. Os médicos asumimos que a nosa responsabilidade moral é superior á do resto dos cidadáns, pero non por iso merecemos ser tratados con menor respecto.

A xunta diretiva do COMČ