MANIFESTO "AS RESPOSTAS ESTÁN NA CIENCIA"

Categoría: Novas
Publicado o Domingo, 06 Marzo 2022
Escrito por Administrador

As academias e os colexios profesionais sanitarios de Galicia, xunto aos decanos e directores das facultades de ciencias sanitarias, quixemos unirnos a través do acto As respostas están na ciencia. Facémolo na Universidade de Santiago de Compostela, a nosa casa común, para renovar publicamente o noso compromiso coa cidadanía galega na procura da calidade, a equidade e a excelencia nos servizos relacionados coa saúde.

Preocúpanos que, nos últimos anos, non parasen de xurdir mensaxes e receitas que se ofrecen aos medios de comunicación como solucións fáciles e máxicas a problemas complexos de saúde. Desgraciadamente, estas ideas calan —aínda que só sexa de forma minoritaria— nalgúns segmentos de poboación. Trala chegada da pandemia por covid-19, esta tendencia gañou aínda máis forza, con teorías, discursos e propostas negacionistas que non teñen ningunha base racional nin científica.

Tememos, e queremos evitar, que a proliferación deste tipo de mensaxes sexan unha fonte de desinformación, desorientación e expectativas erróneas para os pacientes.

Para evitalo, as academias, os colexios profesionais sanitarios e a universidade ofrecémonos, en Galicia, como fonte de información e formación activa, fiable, sempre dispoñible para a sociedade e baseada na maior evidencia científica e o coñecemento máis consolidado posible.

Así o fixemos e estámolo a facer durante a pandemia por covid-19. Cremos que en España e en Galicia a maior parte da cidadanía e os responsables públicos responderon de forma adecuada á crise sanitaria. Vímolo na alta porcentaxe de vacinación que conseguimos, e tamén no razoable nivel de seguimento das medidas de protección individual e social. Para alcanzar estes logros foi fundamental o traballo diario e o extenuante esforzo que realizaron os profesionais sanitarios, que tiveron que facer fronte, en certos momentos, a un gran risco persoal.

Queremos salientar tamén o importante esforzo da investigación de tódalas ramas da ciencia, tanto en Galicia como a nivel español e internacional, que nun labor titánico está a conseguir resultados fundamentais para o control da pandemia. A colaboración internacional, sen precedentes históricos, e o entusiasmo das investigadoras e investigadores está a facelo posible.

Neste éxito colectivo, resultaron moi relevantes e influentes as respostas sólidas e baseadas no coñecemento científico que ofreceron os profesionais sanitarios a través da comunicación pública cada vez que se lles solicitou a súa participación.

A pandemia por covid-19 e a necesidade de tomar decisións rápidas ante un virus descoñecido conlevaron un reto difícil para a comunidade científica internacional. E a resposta foi, en termos xerais, excelente.

O método científico é o que dá validez ao noso coñecemento. Os bulos sanitarios e as falsas solucións terannos sempre enfronte. Os profesionais sanitarios e a universidade responderemos sempre coa nosa opinión e información honesta, tranquila e sólida, baseada no rigor científico e o maior e mellor coñecemento dispoñible.

Este acto é tamén un recoñecemento e unha homenaxe a todos os compañeiros sanitarios e cidadáns que sufriron as consecuencias desta terrible pandemia. No seu nome e no seu recordo seguiremos traballando, desde a ciencia, ao servizo da cidadanía.