ARTURO LOURO, MEDALLA DE OURO E BRILLANTES DO COLEXIO MÉDICO

A Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu por unanimidade, a proposta da Comisión de Honras e Premios, conceder a medalla de Ouro e Brillantes da institución ao doutor Arturo Louro González, “un dos pioneiros dun novo concepto de atención primaria, que supuxo un cambio cualitativo clave na atención dos pacientes deste nivel asistencial dentro do Sistema Público de Saúde”, como recolle a acta de concesión.

Segundo a Comisión, o galardoado é merecedor da distinción “por ser un médico total, pola súa meritoria e incansable actividade nos ámbitos da asistencia, docencia, investigación e innovación, e polo seu compromiso permanente coa mellora da atención primaria e, xa xubilado, poñerse ao dispor dos enfermos e a autoridade sanitaria para facer fronte á pandemia por covid-19”.

O doutor Louro recibirá o galardón no transcurso do  XIV Encontro Médico, que se celebrará o próximo 18 de xuño no Paraninfo da Universidade da Coruña.