POSICIONAMENTO DO CONSELLO GALEGO DE COLEXIOS DE MÉDICOS ANTE AS ÚLTIMAS INSTRUCCIÓNS SOBRE ATENCIÓN PRIMARA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE E O SERGAS

Reunido en Xunta Ordinaria o Consello Galego de Colexios Médicos, e tras estudar e analizar as propostas que elaboraron as diferentes xuntas directivas, comisións deontolóxicas e asesorías xurídicas dos catro colexios respecto ao Plan XIDE e a instrución de accesibilidade ás probas complementarias en Atención Primaria da Conselleria de Sanidade e o Sergas, expón publicamente a súa posición #ante as mesmas.

En ningunha das dúas afróntase de forma directa o grave problema da Atención Primaria na liña do proposto como medidas urxentes no documento de expertos Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde —entre as que se inclúe “dignificar o desempeño que realizan os profesionais aumentando o seu número nos dispositivos que teñan unha elevada carga asistencial e corrixir o impacto da demanda ‘ bloqueante’”— implementándoas coa memoria económica, os cambios organizativos e a reorganización dos recursos humanos que sexa precisa. Pola contra, ambas as iniciativas optan por alternativas parciais, desenfocadas, pouco útiles e moi cuestionables en canto ao respecto ás competencias das diferentes profesións sanitarias. Xeneralízanse plans e instrucións en dispositivos moi diferentes entre si, en lugar de centrarse en empoderar aos equipos de Atención Primaria —fortalecendo, entre outras cousas, a figura do xefe de Servizo— para mellorar os procedementos e facer posible unha atención de calidade e equidade aos pacientes.

Plan XIDE
Trátase dun triaxe encuberto baseado nun algoritmo non validado metodológicamente e pilotado en dous centros de saúde que pretende xeneralizarse ao resto de centros de saúde de Galicia, con condicións asistenciais moi distintas e con fórmulas de organización asistencial moi variables.

Este programa non respecta —sobre todo por condicións estruturais non adaptadas a este tipo de xestión da demanda— os requisitos de confidencialidade nas solicitudes asistenciais dos pacientes. E penaliza, por defecto, aos que non desexen explicitar a súa solicitude segundo o algoritmo predeterminado.

Ademais, fai recaer sobre persoal non sanitario ( PSX) decisións asistenciais e relacionadas cos tempos de atención —coa responsabilidade xurídica que implica—, a pesar de que estes profesionais non están formados para iso. Por tanto, o plan vulnera as competencias legais das profesións sanitarias explicitadas na LOPS e varios artigos do Código Deontolóxico, que sinalan que é o facultativo quen debe fixar o tempo necesario para cada acto médico @teniendo en cuenta as necesidades individuais de cada paciente.

A opinión xeneralizada dos PSX, os médicos e outras profesións sanitarias que desenvolven o seu traballo en Atención Primaria é que esta ferramenta non vai mellorar a xestión da demanda, e que mesmo pode complicala máis.

En todo caso, trátase dun plan con todas as características de instrución ou normativa que non foi publicado como tal, o que complica a súa impugnación razoada.

Como Consello entendemos —e así o expuxemos á Consellería e ao Sergas— que a necesaria mellora na xestión da demanda en Atención Primaria pasa por definir claramente os procesos administrativos sen contido asistencial relevante para que, coas instrucións pertinentes, sexan asumidos directamente polos PXS, descargando así a actividade asistencial do persoal asistencial. E tamén pola implantación dun procedemento de resolución da demanda non programada ou urxente cun triaxe previo ou un modelo de xestión da urxencia implementado, necesariamente, por persoal asistencial.

Instrución 1/22, pola que se determina o acceso ás probas diagnósticas de laboratorio e imaxe para a súa solicitude desde Atención Primaria
Despois de anos solicitando para os médicos de Atención Primaria o acceso a todas as probas complementarias que se realicen na súa área sanitaria —co obxectivo de incrementar a súa capacidade resolutiva e eliminar discriminacións non xustificables—, resúltanos incomprensible a publicación desta instrución na que, no seu punto terceiro, xeneraliza devandito acceso a todas as categorías profesionais. A única salvagarda é que a Xerencia de cada área pode asocialo a un determinado perfil ou protocolo, para o que se sinala como data límite o 1 de maio de 2022.

Entendemos que a solicitude dunha proba de imaxe ou de laboratorio corresponde en exclusiva ao médico, que será quen interprete e xestione o resultado. E tememos que, de cumprirse esta desafortunada instrución, os servizos de Análises Clínicas e Radioloxía —entre outros— sufrirán unha sobrecarga inadecuada, a maiores da que xa soportan.

Cuestión diferente sería que, froito dun acordo ou protocolo consensuado en determinados casos, o médico, por motivos operativos, delegue noutros profesionais sanitarios algunhas solicitudes concretas de probas complementarias. En todo caso, estas excepcións —que veñen implementando desde hai tempo— non precisan dunha instrución tan inútil e desaxustada, da que non alcanzamos a entender o seu obxectivo.

Solicitamos aclaracións á Conselleria e ao Sergas sen que, polo momento, recibísemos unha resposta satisfactoria. Cremos que a única solución pasa pola retirada do punto 3 ou pola reformulación completa e consensuada da instrución —da que, por certo, só tivemos coñecemento tras a súa publicación nos medios de comunicación—. De non facerse así, reservámonos a opción de tomar as medidas legais necesarias.

Lamentamos manter unha posición tan crítica, pero estamos seguros de que representa á inmensa maioría dos colexiados. O noso deber constitucional de velar por unha correcta asistencia sanitaria, coa necesaria calidade, seguridade e equidade, e pola deontología médica coa que nos dotamos, obríganos a formular publicamente estas apreciacións. Sempre estaremos ao dispor dos responsables sanitarios públicos para manter un diálogo construtivo co obxectivo común de mellorar a saúde dos cidadáns.