Novas

OS COLEXIOS DE MÉDICOS NON PECHAN PACs

O Consello Galego de Colexios Médicos manifesta a súa máis profundo rexeitamento ás declaracións vertidas en prensa polo conselleiro de Sanidade, nas que se nos imputan propostas que non realizamos

Continuar con axendas desbordadas ou manter PACs só con persoal de enfermería supón unha fraude asistencial e un elemento de inseguridade para os nosos pacientes e compañeiros

Pedimos que o conselleiro faga o exercicio de responsabilidade que lle é propio á súa función e cargo, no canto de imputar aos demais propostas e decisións que só lle corresponden a el


A Coruña, 1 de decembro de 2022
Tras a reunión mantida o pasado martes, 29 de novembro, co presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e outros integrantes da Consellería, o Consello Galego de Colexios de Médicos manifesta o seu máis profundo malestar e rexeitamento ás declaracións vertidas en prensa polo señor conselleiro, D. Julio García Comesaña, nas que se nos imputan determinadas propostas que non realizamos.

En ningún caso son competencia dos colexios médicos decisións de xestión como un eventual peche ou reorganización dos PACs. Esas medidas, de ser tomadas, corresponden en exclusiva ás autoridades sanitarias competentes, co conselleiro á fronte. Resulta intolerable que pretenda eludir a súa responsabilidade facendo ver que os colexios profesionais teñen capacidade de decisión neste ámbito.

O noso labor é defender a calidade e idoneidade da práctica profesional. Isto é incompatible con axendas de traballo de 60 pacientes —ou máis— ás que teñen que facer fronte habitualmente moitos dos nosos compañeiros de Atención Primaria, e coa desaparición dos equipos de traballo neste nivel asistencial, constituídos basicamente por médico e enfermeira. Continuar con axendas desbordadas ou manter PACs só con persoal de enfermería supón unha fraude asistencial e un elemento de inseguridade para os nosos pacientes e compañeiros. A nosa obrigación é denuncialo.

Nese contexto debateuse a actual organización do traballo e a ordenación territorial en Atención Primaria, dada a situación actual de discordancia entre recursos humanos e dispositivos asistenciais dispoñibles. Son necesarios cambios e adaptacións ao novo escenario, que, inevitablemente, vai manterse a medio prazo. Estas modificacións deben afrontar, con valentía e solvencia, a decadente deriva asistencial que se aprecia na sanidade pública da nosa comunidade autónoma nos últimos tempos.

Desde hai anos, os informes dos expertos en xestión sanitaria expoñen a necesidade de reestruturar a organización e dunha repartición equilibrada de cargas asistenciais entre os diferentes dispositivos. Algo que debe ser acordado por todas as partes e adaptarse ás necesidades poboacionais e xeográficas cos datos concretos dos que só dispón o Sergas.

O Consello Galego de Colexios de Médicos está afeito asumir as súas decisións, aínda que poidan ser, nalgunha medida, impopulares. Pedimos, por tanto, que a Consellería de Sanidade e o seu conselleiro fagan o mesmo exercicio de responsabilidade que lle é propio á súa función e cargo, no canto de imputar aos demais propostas e decisións que só lle corresponden a el.

O TSXG ANULA A INSTRUCCIÓN QUE PERMITÍA RENOVAR RECEITAS AOS FARMACÉUTICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña celebra o fallo e a anulación da instrución, algo que beneficiará á seguridade sanitaria de todos os cidadáns

Na sentenza, ademais, condénase ao Sergas para abonar as costas do procedemento

A Coruña, 29 de novembro de 2022.
A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de ditar unha sentenza mediante a que se anula e deixa sen efecto a “instrución sobre continuación do tratamento crónico do farmacéutico de Atención Primaria en situacións especiais” aprobada polo Servizo Galego de Saúde a finais do ano pasado. A medida permitía aos farmacéuticos dese nivel asistencial renovar tratamentos aos pacientes crónicos en determinadas circunstancias, menoscabando as competencias dos médicos. Na sentenza, a Sala tamén reprocha ao Sergas que a decisión se tomase sen achegar “estudos, memorias, informes ou propostas que avalen a necesidade adoptar as medidas aí acordadas”.

Con esta decisión, o TSXG dá a razón ao Consello Galego de Colexios Médicos, que recorreu a decisión a proposta do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña.

O Colexio de Médicos coruñés celebra o fallo e a anulación da instrución, algo que beneficiará á seguridade sanitaria de todos os cidadáns. A decisión do Sergas tomouse de forma unilateral para tratar de paliar a falta de médicos en Atención Primaria, un parche que non soluciona o problema dun nivel asistencial imprescindible para o correcto funcionamento do sistema sanitario, senón que o alonga no tempo. O déficit de facultativos non pode solucionarse outorgando competencias a outras profesións —que, doutra banda, están claramente recollidas na lexislación, onde se marca que materias e técnicas son responsabilidade de cada profesión sanitaria—, senón a través do incremento e a reorganización dos recursos humanos.

A sentenza, ademais, condénase ao Sergas para abonar as costas do procedemento. A decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non é firme e ante ela cabe a interposición de recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

LIGAZÓN Á SENTENZA COMPLETA

O COLEXIO MÉDICO DA CORUÑA, EN CONTRA DA SUBSTITUCIÓN DE FACULTATIVOS POR ENFERMEIRAS NOS PAC

Esta actuación pode considerarse executada en fraude de lei e é unha temeridade

Como sinala a xurisprudencia, as funcións que realizan os profesionais da medicina e da enfermería non son as mesmas. Nin sequera resultan homologables

O Consello Galego de Colexios de Médicos xa presentou varias demandas xudiciais #ante o TSXG para impugnar as medidas postas en marcha polo Sergas nos últimos meses, dirixidas a derivar funcións médicas cara a farmacéuticos e persoal de enfermería

En ningún caso preténdese atacar as competencias profesionais do persoal de enfermería, pero si esiximos respecto á legalidade vixente


A Coruña, 16 de novembro de 2022.
O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña é consciente do complexo problema que supón a falta de médicos, pero oponse a tomar atallos ilegais para solucionar esta situación. Nos últimos meses, o Servizo Galego de Saúde está a derivar funcións médicas en atención primaria cara aos farmacéuticos e persoal de enfermería co obxectivo de paliar este déficit de facultativos. Desde o Colexio manifestamos nosa máis enérxica oposición á substitución das funcións dos médicos por outros profesionais clínicos —e, mesmo, non clínicos—. Neste sentido, o Consello Galego de Colexios de Médicos xa presentou varias demandas xudiciais #ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para impugnar estas medidas.

Como sinala a xurisprudencia, as funcións que realizan os profesionais da medicina e da enfermería non son as mesmas. Nin sequera resultan homologables. Como exemplo diso temos senténciaa número 406/2022 da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, do 27 de setembro de 2022.

Na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés a falta de médicos está a deixar varios Puntos de Atención Continuada (PAC) atendidos só por enfermeiras, e a Administración sanitaria vai formar ao persoal de enfermería dos PAC para actuar cando non haxa médicos de garda. Tras darse a coñecer estes feitos, o conselleiro de Sanidade asegurou que se trata dun procedemento “rutineiro”.

Substituír ao persoal médico por persoal de enfermería nun PAC vulnera as seguintes normas:

• O artigo 36 da Constitución, porque a repartición competencial nas profesionais só pode alterarse por lei.
• O artigo 43 da Constitución, que recoñece o dereito á protección da saúde.
• A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, que delimita claramente as funcións dos médicos e dos enfermeiros.
• A Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigacións en materia de información e documentación clínica.
• A Directiva 2013/55/UE do Parlamento Europeo e do Consello do 20 de novembro de 2013, pola que se modifica a Directiva 2005/36/CE, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais.
• A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que no seu artigo 12 regula o dereito á asignación de persoal facultativo, que será o interlocutor principal co equipo asistencial.
• O Código Deontolóxico Médico, onde se establece que os actos médicos especializados deben quedar reservados aos facultativos que posúan o título correspondente, sen prexuízo de que calquera titulado en medicina poida realizalos ocasionalmente. Ademais, no Código recóllese que os médicos que ocupan cargos directivos en institucións sanitarias deben velar por que as prestacións se adapten ás auténticas necesidades asistenciais da poboación e ás posibilidades reais de financiamento, evitando que se ofrezan servizos sanitarios sen a debida dotación de medios humanos e materiais.
• O artigo 16 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, por ausencia dunha avaliación dos riscos para a seguridade e saúde dos traballadores. Pola súa banda, o artigo 21.2 desta lei sinala que o traballador terá dereito a interromper a súa actividade e abandonar o lugar de traballo, en caso necesario, cando considere que dita actividade entraña un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde.

A falta de médicos non se soluciona substituíndoos por enfermeiros nos PAC. Esta actuación pode considerarse executada en fraude de lei, e claramente é unha temeridade que desde o punto de vista asistencial un enfermeiro asuma funcións médicas, cos efectos que poden derivarse diso a nivel de responsabilidade legal. Resulta evidente que se xerará entre a cidadanía unha gran desconfianza desde o punto de vista da seguridade da asistencia. A un médico só pódelle substituír outro médico coa especialidade adecuada á praza asistencial. En ningún caso preténdese atacar as competencias profesionais do persoal de enfermería, pero si esiximos respecto á legalidade vixente.