OS COLEXIOS DE MÉDICOS NON PECHAN PACs

O Consello Galego de Colexios Médicos manifesta a súa máis profundo rexeitamento ás declaracións vertidas en prensa polo conselleiro de Sanidade, nas que se nos imputan propostas que non realizamos

Continuar con axendas desbordadas ou manter PACs só con persoal de enfermería supón unha fraude asistencial e un elemento de inseguridade para os nosos pacientes e compañeiros

Pedimos que o conselleiro faga o exercicio de responsabilidade que lle é propio á súa función e cargo, no canto de imputar aos demais propostas e decisións que só lle corresponden a el


A Coruña, 1 de decembro de 2022
Tras a reunión mantida o pasado martes, 29 de novembro, co presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e outros integrantes da Consellería, o Consello Galego de Colexios de Médicos manifesta o seu máis profundo malestar e rexeitamento ás declaracións vertidas en prensa polo señor conselleiro, D. Julio García Comesaña, nas que se nos imputan determinadas propostas que non realizamos.

En ningún caso son competencia dos colexios médicos decisións de xestión como un eventual peche ou reorganización dos PACs. Esas medidas, de ser tomadas, corresponden en exclusiva ás autoridades sanitarias competentes, co conselleiro á fronte. Resulta intolerable que pretenda eludir a súa responsabilidade facendo ver que os colexios profesionais teñen capacidade de decisión neste ámbito.

O noso labor é defender a calidade e idoneidade da práctica profesional. Isto é incompatible con axendas de traballo de 60 pacientes —ou máis— ás que teñen que facer fronte habitualmente moitos dos nosos compañeiros de Atención Primaria, e coa desaparición dos equipos de traballo neste nivel asistencial, constituídos basicamente por médico e enfermeira. Continuar con axendas desbordadas ou manter PACs só con persoal de enfermería supón unha fraude asistencial e un elemento de inseguridade para os nosos pacientes e compañeiros. A nosa obrigación é denuncialo.

Nese contexto debateuse a actual organización do traballo e a ordenación territorial en Atención Primaria, dada a situación actual de discordancia entre recursos humanos e dispositivos asistenciais dispoñibles. Son necesarios cambios e adaptacións ao novo escenario, que, inevitablemente, vai manterse a medio prazo. Estas modificacións deben afrontar, con valentía e solvencia, a decadente deriva asistencial que se aprecia na sanidade pública da nosa comunidade autónoma nos últimos tempos.

Desde hai anos, os informes dos expertos en xestión sanitaria expoñen a necesidade de reestruturar a organización e dunha repartición equilibrada de cargas asistenciais entre os diferentes dispositivos. Algo que debe ser acordado por todas as partes e adaptarse ás necesidades poboacionais e xeográficas cos datos concretos dos que só dispón o Sergas.

O Consello Galego de Colexios de Médicos está afeito asumir as súas decisións, aínda que poidan ser, nalgunha medida, impopulares. Pedimos, por tanto, que a Consellería de Sanidade e o seu conselleiro fagan o mesmo exercicio de responsabilidade que lle é propio á súa función e cargo, no canto de imputar aos demais propostas e decisións que só lle corresponden a el.