O COLEXIO MÉDICO DÁ A BENVIDA AOS NOVOS RESIDENTES

A sala Inn Club dos Cantóns Village (A Coruña), acolleu esta tarde o acto de recepción dos novos MIR que comezan a súa carreira profesional nos centros médicos da provincia, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña.

O encargado de darlles a benvida a todos eles foi o presidente colexial, Luciano Vidán, que estivo acompañado por varios membros da Xunta Directiva do Colexio e os xefes de estudos das tres áreas sanitarias. Durante o acto, os novos facultativos recolleron o seu carné colexial e a mochila que a institución lles entregou como obsequio.

Os Fabulosos Weekend, liderados por Manuel Manquiña e co xinecólogo Chema Ríos á guitarra, abriron o acto cunha canción de rock antes de dar paso ao doutor Vidán, que destacou que “nosa maior satisfacción é a confianza que os médicos da provincia da Coruña, máis de 7.000, depositan en nós para poder pelexar pola nosa profesión”. Antes de finalizar, Luciano Vidán púxose ao dispor dos MIR “para todo o que necesitedes, porque estamos aquí para axudarvos a ser bos médicos e resolver as vosas dúbidas e necesidades. Esta é a vosa casa”. Ademais, anunciou que “imos organizar diferentes cursos para atallar algúns erros que se cometen con frecuencia, como a forma na que se debe utilizar a historia clínica, que pode conlevar problemas importantes”.

No acto tamén interveu a vogal da Xunta Directiva Patricia Conde, que lles deu a benvida e pediulles que “nunca vos esquezades da ilusión coa que empezastes. Sabemos que o camiño cara aquí non foi fácil, pero estamos moi orgullosos de vós”.

Esta xornada, ademais de para coñecer os valores, prestacións e servizos que supoñen a súa incorporación á profesión, é un encontro que o Colexio organiza para achegarse e poñerse ao dispor dos novos residentes.